18/06/11

OS SAPOS E O CARRO

Antonio e José eran compadres. Coñecíanse de sempre: naceran por baixo de dúas patamelas veciñas, e alí botaron toda a vida, un a par do outro. Cando casaron, Antonio foi o padriño da Nicanora, a primeira filla do José, e Andrés, o primeiro fillo do Antonio, tivo ao José de padriño. Os rapaces, con tanto roce, acabaron casando, e puxeron casa do outro lado da caldeira, ao pé da parede norte. Antonio era tranquilo e sentencioso, o José era unha presa de aire, unha carriza, un furafollas simpático e fanfurriñeiro. Con tal contraste de raza non é estraño que foran compadres, e máis se temos en conta que tanto como a un lle gustaba a parola, ao outro gorentáballe a escoita, compoñendo así unha parella feliz.
Entrados xa en idade, Antonio daba en calar e José en rosmar. E máis que pegou a rosmar cando, unha primavera, deu en pasar polo camiño dos corgos un carro novo, que cantaba a todas as horas: de mañá cedo, cargado de esterco. De mediodía, cargado de outono. De media tarde, cargado de leña, se de tarde ou contra a noitiña, cargado de … Aquelas apeladoiras fumegaban! E o señor José era un señor sapo que tiña por costume durmir ata ben entrada a mañá, botarlle outra soneca despois do xantar, e aínda topeneaba despois da merenda. Aquel renxer diario traíao de cabeza.
- Dígoche que o hei envorcar! –dicíalle, anoxado, ao seu compadre – Un día destes non aguanto máis, chántome no medio do camiño, e xa pode dar volta ou se non, eu lla darei …
- Pero José –dicíalle o Antonio- non ves que o carro do Matías da Pinguela cárgao agora o fillo, e que vai tan cargado de estrume que as pobres vacas case non o dan levado …
- Pois que pase á súa hora, que como me siga chimpando o sono …
- José …
- Compadre: o que che eu diga!
Aquela mesma tarde, atinou a sentirse, no cima do lugar, o canto do carro, a mesma hora que don José pegaba na sesta.
- Este vai saber con quen trata … -díxolle o José ao compadre, saíndo pola porta.
Marchou cara o camiño, e alí, vendo vir as marelas, coas molidas ben apertadas, a cabeza baixa, e rosmando polo baixo contra o fillo do amo que as traía naquel sinvivir, José colleu aire e pegou a inchar, a inchar, a inchar … máis aínda que aquela vez que vira a morte nos ollos da cobra que se lle atravesara no camiño, de volta para a casa despois de visitar aos rapaces.
- Has dar volta, ou unha ou outra- berrou, co ferro da roda a dous pasos da cabeza.
Antonio sentindo como se perdía na revolta a cantarena do carro, chamoou polo compadre:
- Ai José! Vas ou ves?
- Ai Antonio! Nin vou nin veño, que estou partido ao medio!
O carro–Fuxan os Ventos

A coca

I

Fomos indo cara o mar, porque o día estaba de sol e apertaba a calor. Alá diante, nas Penas Mouras, había un entrante no que nos gustaba enredar: unha de cada nove ondas subía polas pedras, alagaba a entrada, e cando baixaba de volta levábate dentro, sen cansar nada. O asunto estaba en aproveitar o tempo do novenario para volver, nadando a todo o que dabas, para escapar da forza da auga e chegar ao cima das pedras antes que volvera a onda grande. Alancabamos por aqueles penedos coma corzos, e no cima mirabámola romper, aos nosos pés, co fol na boca, alasando coma cans .

O Xiao foi o primeiro que a viu. De cando en vez tiráballe unha pedra a unha gaivota, para matar o tempo. E nesas andaba, mirando cara poñente, a man dereita de viseira diante dos ollos, buscando unha vítima, cando, como unha serpe, adiantou a cabeza, espreitando o horizonte. Ao primeiro pensamos que sería unha balea, que se metera na ría para meterlle o dente ás luras ou cousa así. Por veces, as baleas aparecían, mortas, no areal de Sila, e alí quedaban, podrecendo ao sol, mandando unha peste que afogaba se corría aire daquela parte. Outras entraban na ría, buscando saberá o demo que, e se daba tempo a correr a voz e os homes andaban cerca, as barcas botábanse a auga, pero non cargaban rede: metían os arpóns nas lanchas e cordas e máis cordas. Algunha vez mataban algunha, outras era o animal o que se levaba por diante á tripulación dunha lancha, antes de coller cara o mar aberto. Se era o animal o que morría, o ano facíase bo, que a carne daba mantenza para a parroquia enteira e os homes do conde, e aínda a gordura do animal engordaba as arcas da abadía, que aquel sebo era dos frades, desde un tempo que ninguén acorda.

Pegamos a correr camiño da casa, para dar aviso, pero o Xiao, que xa comezara a andar ao peixe co pai, e seguía ollando cara aquela fumeira branca que se achegaba, deu un berro:

- Non é balea!

E se non era balea, que demo podía ser aquela criatura que se achegaba, polo medio e medio da ría, botando unha fumeira branca … ? Non, non podía ser unha balea. Xa tiñamos visto baleas vivas máis dunha vez, que por veces achegábanse ben ás Penas Mouras, e as baleas soltaban auga polo lombo, pero aquela criatura sacaba como unha cabeza da auga, si, unha cabeza parecida a dun lagarto, e o que lle fumegaba era a punta do nariz, coma o dos cabalos no inverno. Foi Xoán o que lle encontrou o nome, rebuscando nos contos que, no inverno, lle botaban os vellos ao lume, para que non morrese.

- A coca!

E o medo meteunos no espiñazo unha candea de carambelo.

12/03/11

O xastre e a silva

 

Antonio Rei nacera para xastre. Levábao prendido na alma, como outros levan o recendo da madeira, e non viven sen a garlopa, ou esoutros que andan o día enteiro coa plomada nos ollos, doídos das grezas nas paredes ou dos muros que esboroan. Antonio perdía os ollos por unha tesoira e unha vara de tea: xa fora camisa, chaleco ou chaqueta, tiña un ollo preciso e unha man certeira que asentaba os corpos nos traxes como o fumo se acomoda nos chourizos. Fillo de solteira, criárase na casa do cura, arrimado á súa tía, a ama, de oficio costureira, despois de que a nai se botara aos camiños, perdéndose dela toda noticia. O rapaz deu en facerse amigo do dedal e os fíos, e cando lle arranxou a casulla a don Graciano, da vez aquela que a ama estaba na cama, derreada cunha pileira que a tiña ardendo coa febre, o medo que tiña este a acubillar ao demo na súa casa minguou. E como novas encargas deran en facer del o mellor vestido dos curas da contorna, encariñárase con cativo e decidira mandalo aprender o oficio a Maceda, pois alí había un xastre que se dicía que cosía para os señores de Maside. Como era tempo de ir pagar o foro, cismou que se o raparigo marchaba co foreiro inda aforraba na viaxe.

Así foi como o xastriño marchou co Severino do Outeiro, parando en cada casa a recoller, aquí uns ovos, alá unha saca de castañas, aló dous galos, e máis xamóns dos que vira xuntos na súa vida, con todo e vivir na casa do cura. Tamén recolleron un capitaliño en moedas, catrocentas bágoas e duascentas malas palabras. Era case noite cando se botaron ao camiño, o home deitado no alto do carro e o rapaz diante das vacas, e alí que pasaron San Xián e Os Pelosos, para entraren na Franqueira, como a noite estaba escura – a lúa faltáballe un día para facerse vella- xogaba a descubrir a cara entre os nubeiros. Chegou un momento que o camiño non se vía, as vacas pararon, e o Severino, que xa lle metera algún tento a un garrafón de viño, mandou:

- A durmir!

Envolveuse nunha manta e alí mesmo, sen desaparellar a facenda, pegou a roncar, como un serrucho roendo nunha trabe. O raparigo, que nunca nos camiños se vira, meteuse por baixo do carro, tremendo como unha vara verde, e meteulle o dente ao touciño que lle metera a tía no maleta, ao lado dun par de camisas novas e un pantalón largo, que se sentían os mouchos e as curuxas, e aínda os lobos, alá no alto das serra, e o medo sempre lle metera a fame no corpo. Cando se lle acabou a merenda, entroulle o medo da Compaña e pegou a rezar un rosario atrás doutro, cincocentas avemarías e non se sabe cantos padrenuestros. Coa merenda, a tía metéralle unha botelliña de auga bautizada con catro gotas de tinto, que o rapaz pimplou entre tanta oración, e a bebedela inchoulle a vexiga. Cantaban os sapos, as curuxas andaban de danza, e seguían ouveando os lobos. O raparigo non quería saír de por baixo do carro, un tobo que o amparaba do sereno e lle aliviaba o medo. Pero hai cousas para as que o corpo non pide permiso, e logo lle empezou a doer o ventre coa gana de aliviarse. Por fin, no último momento, puido máis a vergonza que o medo. Saíu daquel seu cortello, saltou o valado e meteuse nunha devesa, suspirando de satisfacción mentres cumpría co corpo. O malo foi cando quixo volver. Algo o agarraba por detrás. Sentiu un pico nas costas, algo así como a punta dunha navalla.

Dicían que os atracadores paraban pola Franqueira. Que baixaban da serra coma lobos e mataban a todos os que roubaban. Que lle comían o fígado e poñían o unto dos finados a derreter, coma se foran porcos.

- Non me mate, señor non me mate, polo amor de Deus, o diñeiro está no carro, por favor por favor …

Espantáronse catro paxaros e no silencio que seguiu non se oía máis que a súa propia voz, chorosa. Mesmo parecía que o Severino deixara de roncar … Recordou que tiña un arma: meteu a man no peto e amarrou as tesoiras, botouse cara adiante pero a presa non cedía: deu media volta e meteu un tiseirazo. A lúa riu entre dúas nubes cando deu o segundo tesoirazo: aquela luz deixou a cabeza dunha silva aos seus pes:

- Se foras un home tronzábate igual –dixo, cuspindo carraxe.

Un moucho dixo: uúuuu … E o home deitado no carro deu media volta e volveu roncar.

27/02/11

O corvo, o queixo e a raposa

corvus21Aquela mañá estaba eu esfameado: o inverno estaba sendo especialmente frío; a neve amoreábase nos tellados, e unhas candeas, grosas coma piornos, colgaban das louxas, que se se sostiñan no alto era porque as amparaban unhas pedras grandes que asomaban a cabeza entre a brancura, unha brancura que eu vin partida por unha corda de fumo que escapaba, por unha cheminea negra coma os pecados, cando voaba da Cheiriña a Castomás.

Onde hai fumo, hai xente, e onde hai xente sempre se arrapaña algo, lembro que pensei, e talmente: foi pousar no fío da luz que vai da casa do Ricardo á dqueixoa Dosinda –que como sei os nomes? E logo pensades que nacín onte? Xa van sendo uns aniños os que levo dando voltas pola contorna!- e alá, na casa dos Cadetes, como que se abre unha fiestra, e unha muller pousa un queixo no peitoril. Como unha bala boteime a el, e perseguido polas maldicións da boa muller que me alegrara o día cun queixo de nabo marchei, camiño do Barrio, dos soutos, para poder meterlle o dente con tranquilidade, lonxe das escopetas, que hai xente que gasta moi mal humor e ponse daquela maneira por un queixo de nada.

raposo_durmindoO demo, mal raio o parta, quixo que, por baixo do castiñeiro onde pousei, estivera botando unha soneca unha raposa –mala centella a coma- que en canto pousei no alto e batín as ás para espreguizarme despois da aventura e dispoñéndome a dar conta do meu prezado botín pegou a falar:

- Boas, señor corvo.

Xa sei que é de mala educación non saudar, pero un non ten mans, e se abría a boca …

- Bo! Non saúde se non quere, ben o entendo, que con esa peza que trae na boca, calquera se para a darlle a novidade á xente. Pero sendo vostede tan mozo e tan galán, pensei eu que tería outra educación, que esas plumas que o adornan ben se ve que son de alcurnia, que é vostede unha personaxe de categoría, vamos. Apréciase ben a dignidade das persoas á primeira vista, e esa elegancia súa, tan natural e sinxela. Impresiona vostede, Señor Corvo, tal vez é dos Corviña dos Espiñeiros? Eu coñecín a algúns desa xínia, e teño que dicir que eran todos boas ánimas, corteses e valentes. Ou tal vez dos Revireques de Outeiriño? Hai máis de douscentos anos que nos asombran coa súa sabedoría …

Parvo de min, abrín a boca para dicir que non, que eu era dos Cornelios de Carbuil, e alá que vai o queixo: ben aberta tiña a boca a condenada, que non o deixou caer ao chan, pero como a tiña grande inda a sentín rosmar por un recanto da boca, tan chea que case empapula:

- Quen roub’ón ladrón ten cen anos de perdón!

mentres se zampaba o meu almorzo en dous bocados.

20/02/11

O boticario sacauntos

Don Ricardo Seixas fora sempre un home de orde e método, tamén algo dado á fantasía e unha miga crédulo demais, tal vez para compensar a rixidez coa que gobernaba certos aspectos da súa vida, como os hábitos familiares e a puntualidade coa que acudía ás citas, un costume este case obsesivo que adoito o convertía en carne de desesperación, esperando a mesma exactitude no seguimento dos compromisos por parte duns concidadáns que, en xeral, eran ben máis propensos á nugalla e á tomarse a vida con moita, moita calma.

Esta mestura de orde e obsesión non debería ter maiores consecuencias que o cotiá desengano de pertencer a unha comunidade onde, as palabras, as citas, e calquera cousa, nunca podían ser interpretadas literalmente, como o noso home, na súa inxenuidade, pretendía. Pero deu en mesturarse coa lectura de textos profanos, relativos á remedios de males e meiguices –a curiosidade profesional empurrárao a abrir aqueles testemuños de remedios e encantamentos ancestrais- e aí abriuse unha porta que o levaría a traxedia, á infamia.

Aconteceu que chegou ás súas mans o caderno de memorias da moura Balasora, escrito xa en lingua romance, pois Balasora, tal e como queda rexistrado nas Crónicas da Mouraria de Sochantre O’Pequeno, fora a última das encantadoras sarracenas, provinte dunha longa liñaxe de Meigas Propietarias, que era o equivalente -nos tempos anteriores ao rei Carriarico, e mesmo á chegada do Santo Apóstolo- á figura do boticario establecida nos códices reais do século XVIII, que regulaban o establecemento de boticas e dispensa de remedios e menciñas. No tal código describía a mora os usos diversos do unto de serpe, así como a metodoloxía para a súa preparación, pero tamén certos experimentos realizados con untos de outras especies, que rexistraban unha perigosa inclinación, inclinación que non escapou ao áxil caletre de don Ricardo, pero de cuxas implicacións éticas e morais non foi consciente ata que foi un chisco tarde.

Foi naquel tempo no que o andazo da moda empezou a levar xente para o trasmundo, primeiro a sacos, despois a carretadas e finalmente ás moreas, andazo para o que o doutor Da Vila non daba atinado co remedio, cando don Ricardo, farto de expedir remedios minerais e lavativas ordinarias, temendo pola vida da súa amadísima filla Remedios, xa case moza, reparou en que o caderno da moura describía un por un os síntomas da doenza, e que o remedio de catro pingas unto seco de serpe, derretido e posto na pota do caldo de mañá cedo, se non curaba, aliviaba grandemente os padecementos dos afectados. Pero como conseguir unto de serpe? E máis, facéndoo sen chamar a atención, que a súa era unha posición respectable, froito de anos de estudo na Universidade e outorgada como privilexio real, e o unto de serpe cousa de meigas e bruxas, adoradores do diaño ou simples lectores do Ciprianillo, xentalla de trato ruín e pouca relación con Deus Noso Señor, contra os que don Xián –como párroco preocupado polo culto da superstición que descubría na súa grei- advertía semanalmente desde o púlpito. Foi así como Don Ricardo adquiriu os hábitos do segredo e da nocturnidade que máis tarde tanto empregaría, para benzón e terror dos seus viciños. Converteuse nunha sombra que, entre lusco e fusco, nas amañecidas ou nos solpores, cando non nas noites nas que a lúa bañaba, coa súa luz de prata, soutos e fragas, perseguía sapos e cobras, salamántigas, víboras e calquera caste de serpe ou anfibio que puidera apañar. Despois, na intimidade do seu laboratorio, co poder e os trebellos da ciencia moderna, convertía en días as semanas que necesitaban os procedementos antigos, de maneira que os días foron pasando entre benzóns a Lavoisier e falta de sono, e tamén de trato coa humana xente, ata que un día Dona Encarna, súa dona, se plantou na porta do laboratorio – a penas unha porta a arredaba da zona de despacho- onde se amoreaban balanzas, probetas, matraces, destiladores, e outros aparellos coas máis variadas finalidades. Aquela muller de temperamento normalmente afable pegou un berro desde o marco da porta:

- Pódese saber que está pasando?

Antes de caer fulminada coma un raio: o boticario notou deseguida os síntomas da enfermidade: a palidez extrema, os ollos afundidos, a flaccidez dos membros … As pupilas dilatadas asustárano tanto que non se atreveu a confiar en si mesmo, petou na porta do veciño a pesar de que eran case as dúas da mañá e mandouno buscar o médico, presentándose este deseguida, cuberto a penas o pixama cuns botíns e un gabán de pano verde, moi elegante. O doutor Da Vila moveu a cabeza e dixo:

- Dous días.

pero don Ricardo negouse a aceptar aquela condena. Cargou o corpo ata a súa casa, deitouno no leito, e marchou de novo á botica, onde preparou unha dose do seu concentrado de unto de víbora. Concentrado que inxectou na vea da súa amada que ao instante espertou sobresaltada.

- Que pasou?

- Non pasou nada, reina. Tómate esta manzanilla, e durme un pouco.

O efecto da infusión foi instantáneo e a muller descansou ata ben entrada a mañá, espertando para sorprender ao home durmido na butaca.

- Ricardo –chamou, e o home espertou ao instante.

- Desculpa.

- Que che pasa? Como é que cando me deito non me acompañas, e cando esperto so noto o oco que deixaches entre as sabas? Que andas a facer, Ricardo?

- Busco un remedio para o andazo.

- Pero para iso está o doutor …

- Ese memo non sabe nada!

- Ricardo!

Non querendo discutir máis, comentoulle as xornadas dos últimos días, omitindo a súa procura de animais inmundos e a procedencia do seu novo saber, que atribuíu a experimentos anteriores con plantas exóticas. Estaba rematando a explicación cando, ao erguer os ollos ao rostro amado advertiu de novo os sinais da enfermidade achegándose por baixo daquela aparente melloría. E aínda que o remedio pospuxo a data da partida, aliviando as dores daquel destino, non deixaba de ser unha triste condena saber que o único que podía facerse era aliviar o sufrimento.

Acudiu, outra vez, ás paxinas do libro, descubrindo que tras a aparente simpleza das instrucións primixenias había un código segredo, un código no que se relataban experimentos con diferentes animais, na procura de principios activos que non só aliviaran, senón que curaran a doenza. O home descubriu naqueles rituais, naquela procura, a mesma desesperación que el sentía, e mesmo puido arrancar un nome, escrito nun recanto, probablemente nun intre de cansazo e desesperanza, da mesma maneira que el anotara o nome de Remedios por todas e cada unha das páxinas do seu caderno de laboratorio nos últimos días. E como aquela muller, fíxose traer alimañas diversas, preparando extractos e concentrados, infusións e pílulas. Observou os resultados, para acabar comprobando que era o unto dos animais máis ruíns e próximos ao ser humano o que máis efecto facía, como se a maldade fora un principio activo almacenado na gordura que, actuando como preparado homeopático, surtira tanto máis efecto canto máis semellante era á graxa humana a base sobre a que combinar diversos compoñentes ben antigos, como o extracto de ruda, a beladona, un aire de cornizó e aromas de estramonio. As inscricións remataban coa confesión de que a muller había tentar arrincar un anaco da súa propia graxa coa finalidade de preparar o remedio definitivo.

Don Ricardo non estaba disposto a tanto: sabía que non podía manexar o escalpelo sobre si mesmo e manter a consciencia ao mesmo tempo. E estaba o perigo de desencadear unha septicemia fulminante. Por outra parte, aqueles coñecementos serían desprezados pola ciencia moderna coma artes de bruxería, que podían dar con el no manicomio de San Andrés ou noutro sitio peor. A certeza de que as investigacións daban resultados correctos comezou a roubarlle o pouco sono que aínda o visitaba de tarde en tarde, inzando nel ós poucos unha teima que nin sequera podía atreverse a confesar ao párroco, nas sesións de penitencia e confesión que seguía celebrando relixiosamente cada tarde de sábado.

Finalmente, un sábado atreveuse a esconxurar a dúbida que o espantaba cada madrugada:

- Sería licito, e non ofendería a Deus Noso Señor, se por facer moito ben se fixera algún mal?

Don Xián, que andaba na dúbida de apoiar ou non aos seguidores de Don Carlos na súa declaración de guerra e botarse el mesmo ao monte, salaiou:

- Fillo: non está na mente dos homes o que Deus fará ou deixará de facer, pero cada un dos homes que desexa o ben de outro actúa instigado pola súa bondade.

Lonxe estaba o cura de saber que terror desatarían as súas palabras. Foi así como Don Ricardo se converteu, primeiro en ladrón, e despois en asasino. Buscaba a vítima propiciatoria entre as mozas máis inocentes das parroquias da contorna: tendo aprendido a andar polo monte máis silandeiro que as feras, non lle resultou difícil alcanzar mozas distraídas que se agachaban para coller auga nunha fonte, ou camiñaban perdidas detrás dunha ovella extraviada. As mozas apareceron con estrañas cicatrices nas entretelas, no bacío e noutras zonas que os aldeáns, afeitos a desfacer marráns, deseguida recoñeceron: como non sexa para sacarlle o unto … Dixera un, un día, e así foi como correu a voz, de aldea en aldea, mentres os habitantes da vila comezaban, misteriosamente, a sandar, grazas ao novo tratamento do boticario. Pero deseguida viu este que as pequenas cantidades que podía tomar respectando a vida das súas vítimas non serían abondo para curar tanta pestilencia: necesitaba o unto enteiro dunha moza nova, de para aí uns quince anos. A necesidade do éxito apertábao tanto pola vía científica como pola civil. Había pouco o alcalde chamáraos, ao doutor Da Vila e a el, para comunicarlles a necesidade de encontrar algunha forma de aumentar as doses do novo remedio: máis da media vila estaba infectada, e polo tanto, condenada a desaparecer. Así foi como apareceu a Rosiña de Chao Verde coas costelas ao aire, o unto totalmente ripado e pouco máis, que tamén os lobos colleran despois o que lles foi parecendo, nun claro da fraga de Rioseco. E despois a Marisiña de Rio Torto, a Clariña de Vila Pequena, e a Sabela de Pradomao, que seica ía para santa e acabou en perdida por causa dos amores dun cabo da Garda do Rei, unha Garda que batía o monte a pé e dacabalo para dar co asasino sen achar nunca a menor pegada, o máis leve indicio que puidera levalos sequera a aventurar unha hipótese, mentres don Ricardo producía e almacenaba as doses do fármaco extraordinario que cada día melloraba os seus efectos. Necesitaba unha última vítima, e atopouna unha madrugada, moi cerca da Igrexa de San Antonio, no cima da vila: levaba unha capa nova e as guedellas loiras caíanlle a ambos lados da pucha. Estaba falando con alguén? Non, falaba soa e metíase na fraga, á procura de o demo sabería o que. Achegóuselle por detrás, con pés de lá, coma un lobo á caza dun año tenro. Tapoulle a boca e rabenoulle o gañote alí mesmo, sen darlle tempo a dicir nin ai. Cando lle deu volta ao corpo, recoñeceu o rostro pálido da súa filla. Sentindo que escachaba por dentro, pasou o día escondéndose nas touzas máis perdidas, para regresar á noite por camiños de cabras á vila, sempre co corpo exánime da súa filla en brazos. Por fin, nun rapto mais de loucura, recuperando un sentido pragmático da existencia, fixo con aquel cadáver o mesmo que cos demais. Dedicouse a preparar as doses necesarias para curar aos enfermos restantes, que enviou ao médico nun paquetiño, por un propio. Finalmente, guindouse dunha trabe, deixando unha simple nota:

- Vémonos no inferno, Balasora.

.

11/02/11

Unha luz no ceo

A lúa –dous cornos bailando nas ondas, brevísimas, coma latexos de almas durmidas- dominaba o horizonte, pero naquela punta, o mozo miraba cara o sueste: naquela punta de area que dubidaba entre dúas rías podía permitirse o luxo de buscar as líridas, que debían estar a punto de dar a súa última sesión. Abril daba cos seus osos en terra, e cunha canción vella nos beizos, viuna saír detrás do penedo, como se a pedra se abrira para alagarlle os ollos cun soño. Ela pareceu sorprendida de atopar alguén na area, con aquela brisa que pedía abrigo. Avanzou como quen acariña un desexo, e alcanzou un saúdo temeroso, pero cordial: se as palabras tremían podía ser porque lle nacían dos ollos, díxose, sabendo que el medira cada paso que a fora achegando a aquel punto onde o mar esgazaba, botando un brazo a cada lado da area.

- Está boa noite para pasear

- E para mirar as estrelas –dixo ela, sinalando o telescopio que apuntaba a un peirao distante.

A lúa era un sorriso aberto no horizonte cando el acenou cara as montañas, falando contra o azul brillante de Vega, que enviara o seu saúdo a ese momento cando ambos naceran, un camiño de luz que morría nese instante.

- Pódense ver estrelas fugaces … Pide un desexo!

Ela calou as noites de agoiro: vai morrer alguén en tal parroquia, dicía a avoa sinalando a dirección onde a breve raiola esmorecía, e desexou que a bicase por riba do murmurio que chegaba do Sur, por riba das ondas, e que medrou mentres el lle pousaba os beizos no futuro, un futuro que estalou en resplandores e berros, na Praia dos Lagartos, en liña recta seguindo o seu abrazo. Ladrou unha pistola, e atravesounos o destino. A lúa agachouse, chea de vergoña, mentres o mar lambía aquel regueiro encarnado.

planisferio00

04/02/11

A agulla do demo

Recibide, señor Conde, as novas que este voso humilde servo vos envía, pois vai no voso interese evitar a construción da ponte que ha unir Lemos e Caldelas, e que o abade deste mosteiro está decidido a levantar, mesmo coa axuda do demo, como eu mesmo lle escoitei dicir ao frade Hermesindo, cando este se queixaba de que os dezmos e gavelas xa lles eran pesarosas aos servos do mosteiro para reclamarlles máis, mesmo para a construción dunha ponte que en escasa medida os beneficiaría, e máis sabendo que aínda atraería a vosa ira a pretensión do mosteiro de facerse co moopolio do comercio do viño tamén na outra orela do río, como de feito é o amo das vides plantadas nesta. Vaivos, con esta, copia da carta que o señor Abade enviou á súa maxestade, El Rei Felipe, que Deus garde, demandando autorización e auxilio real na construción da devandita ponte.
Sabedes xa, señor, a influencia dos vosos inimigos na Corte, aos que o señor abade se ten encomendado, recordándolles –en cartas escritas por esta mesma man, e por min mesmo despachadas, baixo a atenta mirada do abade- que era do seu interese debilitar o máis posible esta vosa primeira base dos vosos estados e posesións.
Aproveito a ocasión para informarvos dos malos termos en que o abade se encontra co Reitor Provincial da Santa Inquisición, quen enviou un sobriño seu a investigar a viveza da fe dos servos do mosteiro, coa escusa de persistir nestes supersticións e crenzas pagás, así como a práctica das artes de bruxería, pois tiña chegado aos seus ouvidos –con ocasión dunha viaxe na que atravesou por Caldelas camiño de León- a lenda da ponte que o Mouro Belezú, coa axuda do demo, construía cada noite entre as dúas beiras do río, no lugar que lle din Agulla do Demo, para cruzar a Lemos os bois que roubaba en Caldelas. O sobriño foi despachado con moi malos modos polo señor Abade, quen, ocupado no espolio dos labregos, mal podía consentir a intromisión da Santa Irmandade na súa xeira recadadora.
Agardando que estas informacións axuden ao meu Señor, acompáñoas do rogo de que recibades, coa amabilidade coa que acostumades, este meu sobriño Miguel, que vos envío para que continúe a súa educación no lugar que estimedes oportuno, pois so a el me atrevo a confiarlle esta mensaxe.

28/01/11

A cama de San Xoán

Ela tiña catorce anos e o pelo curto. El quince, e o cabelo longo coma os soños. O sol quentaba aquelas cabezas, postas a remollo no regato, alí ao pé do muíño, o muíño que aínda tragaba o seu brazo de auga, un brazo que caía polo burato do rodicio, un burato espido, inútil, que agora era só a voz dun cachón criando un cavorco por baixo das táboas, podres, incapaces de soster o peso dunha mosca, que resistían amparadas polas trabes cubertas de musgo. Un rato rillou naqueles miolos, deron en pórse de pé, en botar a andar. O regato aparecía inzado de pelouros, penedos grandes e pequenos, labrados polo tempo ata parecer cabezas durmidas de xigantes extraviados. Un toro caído sobre a corrente facía de ponte, e non souberon rexeitar aquel convite. Daquel outro lado da corrente había unha explanada pequena, e na explanada unha rocha, unha rocha que rodearon para encarar aquela boca: quen sabe como, o río labrara aquel penedo e deixárao como unha pía, pero do revés: coa boca para abaixo e unha porta beireada de avelairas. Entraron, a sombra era fresca sobre o leito de pedra. Naquela sombra descubríronse espidos, devorándose con fame antiga. O sol foi comendo a tarde, mentres eles riscaban na pedra marcas vellas coma o mundo: espirais infindas e aquela outra que imitaba unha serpe … Cando a luz agoniaba descubriron os reloxos, fuxiron apurados daquel niño, vixiados por dous ollos de vidro acochados entre as herbas tenras da orela. Feito aquel nó, a cobra entrou na cova, deitouse na espiral e abrazouse ao tempo, igual que o amor aperta a esperanza.