18/06/11

A coca

I

Fomos indo cara o mar, porque o día estaba de sol e apertaba a calor. Alá diante, nas Penas Mouras, había un entrante no que nos gustaba enredar: unha de cada nove ondas subía polas pedras, alagaba a entrada, e cando baixaba de volta levábate dentro, sen cansar nada. O asunto estaba en aproveitar o tempo do novenario para volver, nadando a todo o que dabas, para escapar da forza da auga e chegar ao cima das pedras antes que volvera a onda grande. Alancabamos por aqueles penedos coma corzos, e no cima mirabámola romper, aos nosos pés, co fol na boca, alasando coma cans .

O Xiao foi o primeiro que a viu. De cando en vez tiráballe unha pedra a unha gaivota, para matar o tempo. E nesas andaba, mirando cara poñente, a man dereita de viseira diante dos ollos, buscando unha vítima, cando, como unha serpe, adiantou a cabeza, espreitando o horizonte. Ao primeiro pensamos que sería unha balea, que se metera na ría para meterlle o dente ás luras ou cousa así. Por veces, as baleas aparecían, mortas, no areal de Sila, e alí quedaban, podrecendo ao sol, mandando unha peste que afogaba se corría aire daquela parte. Outras entraban na ría, buscando saberá o demo que, e se daba tempo a correr a voz e os homes andaban cerca, as barcas botábanse a auga, pero non cargaban rede: metían os arpóns nas lanchas e cordas e máis cordas. Algunha vez mataban algunha, outras era o animal o que se levaba por diante á tripulación dunha lancha, antes de coller cara o mar aberto. Se era o animal o que morría, o ano facíase bo, que a carne daba mantenza para a parroquia enteira e os homes do conde, e aínda a gordura do animal engordaba as arcas da abadía, que aquel sebo era dos frades, desde un tempo que ninguén acorda.

Pegamos a correr camiño da casa, para dar aviso, pero o Xiao, que xa comezara a andar ao peixe co pai, e seguía ollando cara aquela fumeira branca que se achegaba, deu un berro:

- Non é balea!

E se non era balea, que demo podía ser aquela criatura que se achegaba, polo medio e medio da ría, botando unha fumeira branca … ? Non, non podía ser unha balea. Xa tiñamos visto baleas vivas máis dunha vez, que por veces achegábanse ben ás Penas Mouras, e as baleas soltaban auga polo lombo, pero aquela criatura sacaba como unha cabeza da auga, si, unha cabeza parecida a dun lagarto, e o que lle fumegaba era a punta do nariz, coma o dos cabalos no inverno. Foi Xoán o que lle encontrou o nome, rebuscando nos contos que, no inverno, lle botaban os vellos ao lume, para que non morrese.

- A coca!

E o medo meteunos no espiñazo unha candea de carambelo.

Ningún comentario: