10/02/12

San Roque, a festa e un veciño

Había unha vez, alá, cando os animais falaban, no lugar d'Os Espiñeiros, un home que se chamaba Recaredo: era bo home, pero algo descreído. E non lle tiña ningún respeto ao San Roque. Cando chegaba o día da festa, mentres os mordomos corrían a precurar os foguetes, el mollaba a cara e dispoñíase ao traballo que lle tocara, coma calquera outro día. Mentres os gaiteros corrían os lugares tocando a alborada el collía camiño dunha leira, un lameiro, da horta, ou do monte.Se tocaba sachar, sachaba. Se tocaba rozar, rozaba. Pero a festa non a gardaba.
San Roque, desde o altar, non lle facía moito caso a aquel desprezo, que el ben sabía que era  máis cousa de nugalla ca de maldade, de apoucamento ca de soberbia, pero o San Juan botoulle en cara que non o trouxera a camiño, e tanto o encirrou que acabou por facelos baixar, a el e ao can, do pedestal no que se encontraban, e ir buscar ao Recaredo para que lle gardara a festa.
Estaba o home na arada, e ben que sentiu e viu chegar ao santo, pero el, coma se nada. Por máis que lle ladraba o can, el, coma se nada. San Roque ao primeiro quixo razonar con el, dicíndolle que como traballaba en día de festa, que o corpo precisa descanso, que na vida tamén hai que procura momentos de lecer... O Recaredo non daba nin chío: baixaba a cabeza, agarraba a rabela, tanguía nas vacas e seguía ao seu. Xa aquelo non lle pareceu ben ao santo, que non é de xente educada non contestar cando lle falan a un, e dos consellos pasou as ameazas:
- Heiche mandar unha saragaña que ha deitar o pan!
O Recaredo igual, tanguía, chegaba ao fondo da leira, volvía e volta a empezar.
- Heiche mandar unha praga de escaravellos que che coman as patacas!
Nada.
-Heiche mandar o gripo prás vacas!
-Heiche mandar ...
Xa o Santo non sabía que dicir para convencelo. Estaba rubio da carraxe e botoulle a peor maldición que se lle acordou:
- Heiche mandar un mal veciño!
Os bois pararon. O Recaredo mirou para o santo. Baixou a aguillada, levantou a rella, desatou a temoncela, colgou o arado no medio do xugo, e marchou prá casa. 

1 comentario:

MAIS CARGADA DE BOMBO dixo...

Ola Xerardo precisaba porme en contacto contigo e non atopo xeito. Se podes envíame un mail a: mais cargada de bombo "arroba" gmail punto com. Entederás que é todo xunto e non o escribo así polo dos buscadores que logo fártome de correo masivo

Saúdos, Juan