6/4/12

Mariquiña

Mariquiña tería pra aí doce anos a primeira vez que sentiu á moura. Andaba coas ovellas no lameiro do Porto, por baixo do Outeiro dos Mouros, aborrecida das ovellas, da primavera e dos rillotes do seu tempo que non lle facían caso ningún, como non fora para arrebolarlle unha pedra ou soltarlle unha aduanada calquera. Os máis vellos tampouco lle facían caso, porque no seu corpo aínda non floreceran as formas de muller: o seu era un florecer tardío que a tiña entregue á melancolía, unha saudade dun futuro que súa nai insistía en que había chegar, pero que á mociña xa lle tardaba de máis.

As ovellas triscaban na herba resésiga do mes de febreiro, nas escasas horas de sol do mediodía, as únicas horas nas que o día era quen de derreter a manta branca da xeada coa que as noites aínda cubrían a terra e os camiños. Sentiu que chamaban por ela e estrañoulle, porque o único que podía andar por alí era o Regodesebes pequeno, e ese non lle dirixía a palabra, o moi lercho. Pero aquela era a voz dunha muller, e ao primeiro non conseguiu vela, porque cos seus cabelos dourados e aquel traxe de xustillo branco, broslado en prata e ouro, máis parecía sol ou lúa, ou se acaso unha santa das que don Recaredo apañaba para a parroquia entre as señoras da vila, tan ocupadas en recoller os foros como en tan piadosos dispendios.

Mariquiña asustouse un pouco, porque aquela muller tiña traza de ser dona principal, muller de alcurnia, e ela non era máis que unha pegureira descalza alindando as ovellas de Dona Herminia, a viúva do defunto señor Ricardo, irmán maior de don Recaredo, que todos os domingos lle quentaba as orellas por non saber o catecismo. E como o había saber se nin sequera ler sabía? Bo, algo sabía pero non tiña por onde mirar para deprender aquela lección. Nin aquela nin outra ningunha, que en canto riscou o seu nome xa súa nai a trouxo de volta onda as ovellas.

- Mariquiña -dixo aquela muller, e ela non se estrañou de que a coñecera, que a xente maior sábeo todo de calquera aínda que un non saiba nada deles- se ves facerme compaña douche un galano.

- Vou, pero non fai falta que me dea nada.

Así foi como pegaron na parola, e Mariquiña soubo que era aquela unha moura principal, que saíra a ver o día porque seu home andaba de viaxe polas terras de Oriente, na procura dunhas herbas coas que facer unturas e remedios para os males do corpo e da alma, que era médico, pero non podía surtirse na botica da vila, porque o boticario era un ignorante e un atravesado en cuestións de fantasía.

Non hai nada que acenda tanto as amizades como o desexo de arrincar a soidade do corazón, e estando as dúas ben fartas desa apócema, prenderon unha na outra e na conversa de tal forma que case se lles bota a noite enriba, e se non fóra o ouveo dun lobo que as sacou daquel parolar entrefrebado aínda hoxe estarían as dúas sentadas na Pena Branca dándolle ao palique.

- Toma - dixo a moura- colle este carbón e lévao prá casa. Méteo por baixo da almofada e cando espertes terás o regalo que che prometín.

Mariquiña quixo protestar, pero a moura non admitiu aquelas prosmadas: meteulle o carbón na faltriqueira e desapareceu entre dous penedos.

- Unha cousa che teño que pedir, a cambio.

- O que vostede diga, señora Alibenbambia.

- Nunca, de ningunha maneira, digas de onde che veu o agasallo. Prométeo pola túa vida.

- Prometido.

Mariquiña marchou co carbón no peto, detrás das ovellas, que meteu na corte e entrou na casa pola trapa que daba da corte á lareira, na que entrou cun sorriso que lle cruzaba a cara como o Camiño de Santiago cruza o ceo ás noites.

Súa nai, remexendo no pote do caldo, coñeceulle de seguida aquel aire estraño que traía no corpo, e logo lle preguntou:

- E logo … que foi que che pasou hoxe, que ves tan contenta?

As fazulas de Mariquiña arrubiaron coma o lume, que deu un impo, como se tivera catarro.

- Nada, miña nai.

- Seguro?

- Pois claro!

- Colle a cunca para botar un pouco caldo

- Non teño fame. Vou durmir.

E marchou. A nai soubo, de certo, que alí pasaba algo. Non dixo nada, pero tiña que saber que era. A nena xa andaba botando o corpo e non quería que calquera túzaro se aproveitara dela, que a vía moi inocente.

Así empezaron a correr os días, coa nena saíndo a primeira hora coas ovellas, contenta como nunca, e a nai agardando por ela todas as noites, receosa, desconfiada, teimuda.

- E logo … que foi que che pasou hoxe, que ves tan contenta?

- Nada, miña nai.

- Seguro?

- Pois claro!

- Ti botaches un mozo.

- Que había botar! Se non hai un que pague a pena en légoas …

- Non me enganas?

- Como a había enganar, miña nai, se sabe vostede máis ca min cantos mozos hai na parroquia e xa os ten tasados a todos?

Pero a Mariquiña ía poñéndoselle unha cara de satisfacción como a que teñen esas persoas que andan dereitas polo mundo, como se souberan algo que os demáis ignoramos. Porque en fin de contas, ela sabía algo que os demais non sabiamos. Ela tiña algo que os demais non tiñamos: cada mañá botaba man á faldriqueira e alí atopaba, no sitio do carbón, resplandecente, unha moeda de ouro. E Mariquiña tiña a súa idea: un día, con aquel tesouro, marcharía da aldea ver mundo. Dicían que había coches que andaban sen cabalos, que podías subir a un barco e chegar a unha terra chamada América onde todo era posible, dicían tantas cousas … E ela quería velas: rapinaba aquelas moedas como unha pega, e agochábaas nun burato da parede, do lado que a tapaba a cama, un agocho do que ninguén sabía. Pero a nai, en canto a rapariga saía da casa, repasáballe o cuarto buscando calquera noticia daquel segredo que a tiña tan entusiasmada. Podía preguntarllo, pero saía que non llo diría. Así que deu en rexistrar as cousas da cativa, buscando un fío polo que tirarlle da lingua. E un día moveu a cama, deu coa punta das chancas na pedra falsa, que caeu, revelando o tesouro.

Cando chegou Mariquiña, a nai púxolle as moedas diante dos ollos e unha acusación diante:

- Tu estaste vendo cun señorito! E vasme dar un disgusto!

- Non señora! Non me vexo cun señorito!

- Pois logo de onde saíron estas moedas?

- Non podo dicilo, non podo dicilo …

Non hai segredo que, querendo, unha nai non saque dunha criatura.

- Deumas a moura! Deumas a moura Alibenbambia!

- A moura?

- Si señora: falamos todas as tardes, e todas as tardes me dá un carbón, e cada mañá, cando abro os ollos non hai tal carbón, e o que hai é unha moeda de ouro … Pero agora estou perdida! Xurei que non o había contar, xurei que non o había contar…

- Non te apures, muller, non te apures: quen o há saber? Sabémolo ti e máis eu namais, como lle vai chegar o conto á moura? Ti fai coma sempre e xa verás como todo sigue igual … Xa verás como mañá che dá outra. Non te apures muller, foi miña culpa, pero eu pensaba que …

O lume esmoreceu nun segundo e na cociña entrou un frío repentino.

- Vamos á cama, anda, que se apagou o lume. Mañá é outro día.

Ao día seguinte Mariquiña marchou coas ovellas, coma sempre, pero cando chegou a noite non aparecía, que viñeron as ovellas solas prá casa, á nai entroulle o medo e foi de casa en casa buscando homes para ir buscar á rapariga, que non parecía. Alá foi a comitiva, cos fachós alumando o camiño do Outeiro dos Mouros, berrando pola rapariga:

- Mariquiña! Mariquiña!

Ata que, chegados ás Penas do Corvo, unha voz que parecía saír da terra contestou aquelas voces:

- Mariquiña parladeira está de salga na maseira!

E un aire súbito apagou os fachóns todos. O medo pegou en todos os veciños, que resolveron volver coa luz do día.

Da Mariquiña nunca máis se soubo.

1 comentario:

A.D. San José. dijo...

Un gran conto se che interesa o sonto brebe podes visitar :http://nosliterauriensis.blogspot.com.es/