28/01/11

A cama de San Xoán

Ela tiña catorce anos e o pelo curto. El quince, e o cabelo longo coma os soños. O sol quentaba aquelas cabezas, postas a remollo no regato, alí ao pé do muíño, o muíño que aínda tragaba o seu brazo de auga, un brazo que caía polo burato do rodicio, un burato espido, inútil, que agora era só a voz dun cachón criando un cavorco por baixo das táboas, podres, incapaces de soster o peso dunha mosca, que resistían amparadas polas trabes cubertas de musgo. Un rato rillou naqueles miolos, deron en pórse de pé, en botar a andar. O regato aparecía inzado de pelouros, penedos grandes e pequenos, labrados polo tempo ata parecer cabezas durmidas de xigantes extraviados. Un toro caído sobre a corrente facía de ponte, e non souberon rexeitar aquel convite. Daquel outro lado da corrente había unha explanada pequena, e na explanada unha rocha, unha rocha que rodearon para encarar aquela boca: quen sabe como, o río labrara aquel penedo e deixárao como unha pía, pero do revés: coa boca para abaixo e unha porta beireada de avelairas. Entraron, a sombra era fresca sobre o leito de pedra. Naquela sombra descubríronse espidos, devorándose con fame antiga. O sol foi comendo a tarde, mentres eles riscaban na pedra marcas vellas coma o mundo: espirais infindas e aquela outra que imitaba unha serpe … Cando a luz agoniaba descubriron os reloxos, fuxiron apurados daquel niño, vixiados por dous ollos de vidro acochados entre as herbas tenras da orela. Feito aquel nó, a cobra entrou na cova, deitouse na espiral e abrazouse ao tempo, igual que o amor aperta a esperanza.

27/02/10

A vella

O home miraba sen ver. Tiña os ollos perdidos detrás daquela laga artificial: a auga enchía o burato na pedra, onde a ollada rebotaba, reflectida, ás fiestras das casas de enfronte. Desde a ponte podía contemplar os esforzos dos turistas coas cámaras, buscando a maneira de arrincar un instante de lecer dos brazos do tempo. Detrás dunha parede, as obras continuaban. Seica a cidade nacera alí, alí onde a auga agromaba con toda a calor da terra. En tempos, as mulleres depenaban alí os polos. Había un recordatorio a personaxes dunha novela na base da ponte. Sabíao, mentres miraba sen ver, detido no medio da ponte, a liña de toldos e lonas que cubría as escavacións e as obras.

Unha vez oíra un conto. O conto dicía que unha vella tiña que darlle de comer ao lume que quentaba aquela auga por toda a eternidade. Cal fóra a súa falta? Era algo de tesouros perdidos, ou unha nena que recibía moedas a cambio dun vaso de leite? Había unha nena que visitaba a fonte. E na fonte, unha moura lavaba os cabelos … Non. Non lavaba nada, estaba alí. A nena levaba unha cántara de leite? Podía ser. A moura tiña sede

- Mociña: dariádesme un vaso de leite?

Unha moeda de ouro por un vaso de leite. Unha sede chamou por outra: oo ouro saíu da faldriqueira da nena en canto chegou á casa. A nai –ou era a avoa?- quixo máis, e máis, e máis …

- Mociña … ¿Con tanto ouro, como andas descalza?

- O ouro cóllemo mi madre señora.

Os ollos perdidos do home sorprenderon aquelas costas dobradas polo feixe de leña. Era unha muller: unha vella, cruzando o valado das obras co feixe ao lombo.

- Dille que veña verme, que teño un trato que ofrecerlle …

Seica a moura levou a vella a ver as dúas trabes que sosteñen o mundo. E ofreceulle a trabe de ouro. Pero tiña que facerlle un traballo …

A vella mirou cara a ponte. O feixe baldáballe o lombo. O home viu aqueles ollos e sentiu frío nos osos. A vella brincou detrás do valado e desapareceu.